luns, 2 de maio de 2016

Letras Galegas 2016

Este é un mes especial para o club, dedicándoo ás Letras Galegas, como recordo a todos os escritores en lingua galega e defensores da mesma.
Como vén sendo habitual, conxuntamente coa biblioteca do centro, preparamos un especial para as lecturas de maio e xuño.
Este ano, como xa sabedes, o protagonista é Manuel María, un dos escritores máis prolíferos, activos e comprometidos dos últimos tempos. Publicou máis dun milleriro de artigos xornalísticos, trinta ensaios, quince obras narrativas, e vinte pezas teatrais. Ten moitas obras aínda inéditas.



Antoloxía poética
O libro para os lectores que se queiran achegar por primeira vez á poesía de Manuel María e tamén aqueles outros que queiran revisitar poemarios lidos e poemas lembrados. O libro complétase cun limiar, escrito polo poeta e académico Darío Xohán Cabana, no que se estuda de maneira sintética e accesible a obra de Manuel María, os seus diferentes períodos, temas e aspectos formais.

As ribeiras son escuras 
Estes relatos escribíronse á marxe de modas e de modos de narrar que, por aquel entón, privaban na nosa literatura. Neles o autor procurou plasmar, na medida das súas posibilidades, os días e os traballos dos nosos labregos, tentando fuxir do costumismo, do realismo e do folclorismo, totalmente consciente de que ese mundo estaba moi ferido de morte e esborrallándose sen remedio.

Terra Cha 
Terra Cha, publicado por vez primeira en 1954, é sen dúbida un dos seus libros máis intensos e logrados, un sentido canto ós eidos da súa pequena patria luguesa onde os homes, a paisaxe, a palabra, o mundo todo acada unha dimensión íntima e poderosa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario